27 de mayo de 2011

Último día no Kiriko

Os nenos e nenas da clase das Medusas e os de 1º EP están a pasalo xenial verdade???? Hoxe é xa o último día pero aínda lles quedan unhas cantas emocións por vivir.
Esta é a mesaxe que envían agora pola mañá e...fotos!!!!

Ola
Entramos na reta final.
A noite foi tranquilísima. Despois do día de granxa, a horta, a piscina e a SUPER FESTA, quedamos rendidos.
Durmimos de un tirón e a algún de nós houbo que despertalo con cóxegas porque estaba pegado ás sabas.
torre
randeira
>cea
cea2
cea 3
cea 4
plantas
con Ana
festa e baile
festa xogo

Xa recollemos as maletas, almorzamos e agora temos xogos con paracaídas.
A comida está prevista para as 13:00 e despois dun descansiño saímos cara á Lugo.

Chegaremos cara ás 18:00 pero avisaremos cando esteamos próximos para concretar.

26 de mayo de 2011

Actividades de granxa- Kiriko

Aquí van algunhas das fotos do que fixemos hoxe:

Estas son das labores de granxa
muxindo
ovellas

Estámonos preparando para a festa.

O tempo segue acompañando para poder gozar destas instalacións tan estupendas.

Bicos para todos e para todas (algo vos botamos de menos pero nos vemos axiña, non vos preocupedes)

grupo

Novas dende o Kiriko

Ola,
xa estamos no segundo día!!!
Pasamos a noite moi ben. Ergémonos entre as 8:30 e as 9:00.
O almorzo é xenial.
Hoxe toca día de granxa: coidado de animais, horta, transformación de alimentos, ....
Pola tarde para relaxar... piscina!!!!
O tempo é inmellorable.
Os monitores son moi bos, activos e moi divertidos.

Esta noite temos festa. Cada un de nós ten a súa propia festa na cabeza o que pasa é que non sabemos que os monitores xa teñen preaparada a súa.

Seguiremosvos contando cousas.
Aquí van as fotos de onte prometidas....haberá máis!
SAM_0590
kiriko piscina
preparados para nadar
preparados nadar
piscina

25 de mayo de 2011

Viaxe ao Kiriko


Hoxe marcharon os nenos e nenas da clase das medusas xunto cos de 1º EP de viaxe á granxa escola O kiriko e estarán alí ata o Venres. Esta viaxe enmárcase dentro da programación do centro xa que todos os grupos dende 1º EI fan unha saída a diferentes lugares, empezando polos máis cercanos para pouco a pouco segundo imos medrando ir aumentando tamén o tempo de estancia e o lonxano do lugar (Lugo-Galiza-España e ata o estranxeiro de intercambios)
A través do blog irémosvos contando un pouquiño o que fan cada día e o ben que o están a pasar. Hoxe mandan esta mensaxe:

Ola,
todo está a funcionar moi ben na nosa aventura.
Os maiores vimos a un lugar coñecido coa seguridade que eso dá e os pequenos estamos a descubrir un mundo inmenso de posibilidades, é certo que ter aos nosos compañeiros e compañeiras de EP abrindo o camiño facilítamos moito as cousas.
A viaxe foi moi interesante ainda que un pouco longa. A comida estaba boísima e o baño na piscina foi sumamente divertido.
Despois traballamos algo, fomos gardar os animais e despois duchámonos e puxemos o pixama.
A cea tamén estivo moi boa pero ...."as patacas do cole son mellores que as de aquí"
Despois tivemos velada de cine porque estabamos rendidos.
E agora xa toca durmir.

Mañán contámosvos como foi a noite.


De momento aínda non temos fotos, pero estade atentos ao blog porque cada día vos iremos contando novidades. En canto teñamos fotos subirémolas.
Ata mañá!!!!

24 de mayo de 2011

Semana da cultura

Queremos compartir con vós algunhas das cousiñas que fixemos na Semana da Cultura, que co gallo do Día das Letras Galegas todos os anos celebramos en todas as aulas do centro.
En infantil limos e creamos poemas, fomos a un contacontos e preparamos a festa dos Maios.

Os nenos e nenas da clase das Landras escollemos a poesía de Uxío Novoneyra xa que nelas puidemos ver elementos da natureza que coñecemos ben e que son cercanos á nosa experiencia cotiá: a choiva, as fontes, os paxaros ....Especial atención adicamos ao poema que vedes na foto, a través do cal traballamos un montón de cousas:
memorizamos o poema, experimentamos coa sonoridade das palabras, como sonan, cales se parecen, que letras recoñecemos nelas, a que outras palabras coñecidas se parecen....e fixemos con material de refugallo unha fonte que sae dunha pedra da montaña. Así de chula nos quedou:
poema landras


Ás estrelas encantounos a poesía de Antonio García Teijeiro "O rato e maila lúa" porque nos fixo gracia que o rato se namorase da lúa e ao mesmo tempo tamén nos pareceu bonita xa que nos amosa que podemos querer a alguén moi distinto a nós. Traballamos tanto a temática do poema coma a súa composición e así descubrimos que o poema se dividía en tres partes e tamén aprendimos a rimar lúa con rúa, rir con durmir... Logo disto preguntámonos se todas a vogais poden levar til, e grazas ao poema chegamos á conclusión de que sí. Coa elaboración deste mural repasamos as letras que coñecemos, descubrimos o nome doutras e pronunciámolas, atopándolles semellanzas con nomes que xa coñeciamos. A continuación podedes ver a nosa obra de arte, agardamos que vos guste tanto coma a nós.
poema estrelas

AS MEDUSAS traballamos o poema do autor ferrolá Antón Cortizas chamado Un home de Lugo. Antón Cortizas obtivo  o premio Merlín en 2001 e en tres  ocasións o premio O barco de vapor. Este poema fala de amor, de finais felices, cun final un pouco inesperado pero frecuente para as persoas que se adican exclusivamente aos demais.  Nós xa sabemos escribir e puidemos, ademais de ler e memorizar o poema, escribir os versos e representar de xeito autónomo o que nos suxiren.  A poesía sempre nos fai soñar e crear imaxes que os libros ilustrados nos dan feitas.

poema medusas

O xoves fomos a un contacontos ás Termas e contáronnos tres contos divertidos e emocionantes. Nun deles a contacontos, con recortes de xornais foinos facendo as personaxes que formaban parte do conto: unha ratiña, un sol, unha nena... Logo seguimos coa historia dun porquiño moi listo ao que todos querían comer pero que sempre se saía coa súa e ate lle daban masaxes! E para rematar non só nos contou un conto senón que nos fixo partícipes del transformámonos por un anaco en princesas, reis e outras personaxes curiosas e fascinantes que nos fixeron sentir coma os actores e actrices por un día.
contacontos 3
contacontos 2
contacontos 1

E como fin de festa celebramos, como todos os anos, a festa dos Maios xunto cos rapaces e rapazas de Primaria e primeiro ciclo de Secundaria.
Entre todos e todas construímos o Maio cónico: uns recolleron e colocaron xestas, outros ovos e laranxas, outros fientos e fiuncho e nós recollemos flores dos arredores e fixemos ramiños para enfeitar o nosos maio que quedou así de ben.
maio cónico
maio

Toda a semana estivo adicada aos Maios: falamos da tradición popular, do significado, das músicas e cancións, dos adornos e traxes....
Preparamos as coroas de flores, desta volta fixemos unha pequena recreación das mesmas; con plastilina de cores e papel de seda fixemos estas flores tan orixinais... a que parece que son de comer!!!
plasti

E inspirándonos nunha obra de Andy Warhol fixemos este fermoso maio cónico para enfeitar o noso corredor e aportando así a parte máis actual á nosa tradicional festa.
maio papel
flores

Aprendemos a canción do Maio de Mondoñedo e o Venres cantámola acompañándonos de claves e cun pequeno baile ao redor de dous maios humanos, emplazámolo para que volvese o maio para o ano que vén e poder pasalo de novo así de ben!!!
baile
cantando
festa

8 de mayo de 2011

As familias seguen a compartir con nós as súas experiencias

Esta vez foron a nai de Carolina F., o papá de Manuel e o papá de Jesús e Carolina os que viñeron á clase para explicarnos algo do que eles saben moito.

Carmen, a mamá de Carolina F. falounos da PEL COMO ENVOLTURA MARABILLOSA DO NOSO CORPO. Díxonos que cando se rompe esa envoltura sangramos e que o corpo se pon en alerta, mesmo soa unha serea dentro de nós que avisa ás plaquetas para que veñan urxentemente a reparar a ferida. A verdade é que entendemos perfectamente o símil. Falounos de hixiene e da importancia de coidar o corpo.
Despois almorzamos uns doces que nos trouxo e logo ensinounos unha técnica para facer pulseiras que aínda que non é difícil require concentración e practicar moito. Estamos entusiasmados con elas.
carmen 1
Carmen

Tamén viñeron Jesús e Manuel, os papás de Jesús e Carolina e de Manuel, que nos explicaron COMO SE FAI UNHA CASA. Dixéronnos cales son as partes fundamentais dun edificio e en quE orde se van facendo.
Tamén nos falaron de seguridade no traballo, de ecoloxía e do papel que desenvolve cada profesional na construción dunha casa ou edificio: os arquitectos deseñan, os albañiles constrúen, os fontaneiros e electricistas fan as instalacións de auga, calefacción e electricidade, os pintores pintan, ...
Foi moi interesante descubrir que un edificio se parece moito ao noso corpo. Resulta que as zapatas, pilares e vigas son como o esquelete do edificio. 
Aprendemos a fixarnos en aspectos das nosas casas nos que antes non reparáramos.
casas 1
casas
É un pracer para nós recibirvos na nosa aula e compartir estes momentos únicos.  Moitas grazas a todos e a todas.

6 de mayo de 2011

Obradoiro Pesdelán


Este sábado, ás 12:00 no Museo Provincial de Lugo a asociación lucense prolactancia materna Bico de Leite organiza un obradoiro de baile con Pesdelán, que recordades é o grupo da profe de música Uxía do que xa vos falamos algunha vez.
É un acto aberto a todo o público así que non perdades a oportunidade de pasalo xenial e gozar do baile e música de Pesdelán.