26 de diciembre de 2010

Nadal 1: música e paparota

Xa estamos de vacacións pero non podiamos deixar de contarvos como foi o festival de Nadal.
Este ano as nenas e nenos de Educación Infantil cantamos unha canción cos alumnos e alumnas de 2º da ESO. A canción foi "O Galandún", que é unha canción tradicional á que nós lle demos un toque moderno versionando a Eliseo Parra no seu disco "De ayer mañana". Cantamos, bailamos e ata rapeamos... os maiores fixeron con nós un obradoiro de baile para ensinarnos algúns dos pasos para a actuación. Nós tamén lles ensinamos a eles uns cuantos movementos que axudaron a enriquecer a coreografía.
Aquí podedes escoitar esta versión de Eliseo Parra e outras moitas cancións tamén moi chulas.

obradoiro rap

obradoiro rap 2


Logo de todos os ensaios só quedaba unha cousa... actuar!!!
... E FOI TODO UN ÉXITO!!!.
Galandún
OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Ademais deste deleite para os oídos tamén preparamos unha sorpresa aos invitados e invitadas e cada un dos grupos cociñamos doces de Nadal que os asistentes puideron catar despois da función. Eran moi variados: estrelas de marmelo e queixo, boliñas de mazapán, torta de améndoas, biscoito de castañas, flan de queixo, madalenas de chocolate, rochas de chocolate e torta tres chocolates.

Estaba boísimo todo!!! (pena de fotos é que non deu tempo a comer e fotografar!!! hehehe)

23 de diciembre de 2010

Lugo en nadal para miúdos

_
Nestes días de vacacións queremos recomendarvos algunhas actividades programadas polo Concello, pero especialmente a sesión de contacontos do Mércores 29 de decembro no Centro sociocultural Uxío Novoneyra a cargo de Manolo Panforreteiro, que foi profe de música no cole e que segue a colaborar con nós.
Deixámosvos aquí unha pequena reseña sobre a actividade, que de seguro nos gustará moito aos pequenos e non tan pequenos.

CONTANDO AOS SETE VENTOS
DE MARES, CONTOS E VENTOS

O mar é diferente en cada praia. Así tamén estas historias van
mudando. En cada porto deixan algo novo que rescata o anterior.
Estes contos son encontros que viaxan coas súas músicas, coas
súas sonoridades agochadas en pequenas cousas, cos seus soños


Manolo Panforreteiro
Músico e actor. Entre a música e o teatro comezou as súas
intervencións para o público infantil, sempre guiado pola
búsqueda, o xogo e a imaxinación.
A súa experiencia na formación artística de persoas con autismo e
síndrome de Down levouno á apertura dun amplo campo de
experimentación dos modos de mirar, escoitar e sentir. É pianista,
gaiteiro e multi-instrumentista con predilección polas sonoridades
e os instrumentos menos convencionais. Escolle para as súas
actuacións obxectos, instrumentos e historias sorprendentes coas
que consegue involucrar a pequenos e maiores


Ademais desta, o concello oferta outras actividades para nós que podedes consultar aquí, na Programación de Nadal do Concello de Lugo

Pois aproveitade entón estes días de vacacións escolares para gozar do teatro, a música e os contos en familia.
Temos pendente aínda contarvos o ben que o pasamos na semana de actividades de nadal no cole....está cocéndose a entrada e non tardará moito, estade atentos e atentas!!!!.

14 de diciembre de 2010

Nadal 3: outra visión do Nadal

 No cole traballamos o Nadal dende os valores de solidariedade, respeto por outra realidades sociais e consumo responsable
Unha forma de traballar o consumo responsable é facer xoguetes con material de refugallo.
Con esta actividade ademais de concienciarnos do exceso de lixo que producimos a diario fomentamos a creatividade tentando darlle outro uso a estes materiais que tiñan que ir ao lixo e xogamos con xoguetes diverxentes, xogetes con moitas posibilidades que nos abren as portas para seguir creando e imaxinando.
O proceso creativo é o seguinte:
  • Solicitamos a colaboración das familias para que na casa se faga unha selección previa de materiais interesantes para ser convertidos en xoguetes. As familias sempre nos dan ideas fantásticas e novas aumentando así as posibilidades de creación. 
  • Colocación na caixa da aula dos materiais aportados por cada un de nós.
  • Manipulación dos mesmos para explorar posibilidades e utilidades
  • Unha vez decidido o tipo de xoguete a construir e os materiais a utilizar coa axuda da mestra se encolan as pezas.
  • Dámoslle un nome ao obxecto creado.
  • Xogamos con el e divertímonos
  • Creamos novos obxectos espontaneamente
Aqui tedes algunhas posibilidades. Hai infinitas.

xoguetes refugallo3
xoguetes refugallo 4-4
xoguetes refugallo 2
refugallo 6.
xoguetes refugallo 1.xoguetes refugallo 6

E con esta entrada, hoxe que xa rematan as vacacións de Nadal, damos por rematada a serie de entradiñas sobre este proxecto que tanto gozamos e quixemos compartir con vós. Aquí vos ensinamos algunhas das cousiñas que fixemos. Outras só se poden sentir, tocar, vivir no momento..... e nós estivemos alí!!!

Apalpador

Chega o Nadal, queda xa moi pouco!!!!
Estamos a preparar moitas sorpresas para cando veñan as nosas familias a visitarnos ao cole, e ademais andamos a investigar sobre as diferentes tradicións nos diferentes lugares do mundo, e moi moi especialmente queremos seguir este ano a traballar ao redor da figura do Apalpador que o curso pasado descubrimos e ao que lle adicamos o noso canto de Nadal.


Imaxe de Leandro Lamas

E por que o Apalpador??? Pois gústanos porque vive aquí moi pretiño de nós, nas montañas de Lugo, porque agasalla cousiñas feitas por el mesmo, coas súas mans, sen necesidade de ir mercar nada, a partir das cousas que a natureza lle ofrece, e porque é un grande defensor da natureza que se preocupa polo benestar e saúde dos máis pequechos.
Esperamos que a vós vos guste tanto como a nós. Nestes enlaces podedes atopar información e recursos.

Vieiros da escola Libro Antón e o Apalpador
O Apalpador
Cantiga do apalpador
Galicia Encantada

Este ano os demais compañeiros e compañeiras de Primaria, Secundaria e Bacharelato tamén inciarán unha pequena investigación sobre este personaxe, e ademais utilizaremos a súa imaxe para a decoración do centro a ver se así o ano que vén se decide a visitarnos e nos agasalla con unha presiña de castañas quentiñas e quen sabe se algo máis.....

4 de diciembre de 2010

Chegou a neve!!

Onte chegou a neve a Lugo, e por suposto a Galén tamén. Malia as dificultades para chegar ao cole, finalmente hoxe saímos ao patio a gozar do momento. Algúns probamos a andar co patín pola neve, outros xogamos a tirarnos bólas e entre todos e todas fixemos un pequeno boneco de neve. Posamos así de orgullosos e orgullosas con el. A neve sóubonos a pouco e estamos desexando xa que volvan estes días do inverno que tanto nos gustan.

patin-neve

tirando bolas

chegou a neve

boneco de neve

2 de diciembre de 2010

Outono

Antes de que remate o outono, as Landras queremos contarvos algunhas cousiñas do que foi o noso proxecto sobre esta estación do ano.

Iniciamos o proxecto coas cores do outono, observando as árbores do noso patio e da nosa horta, os cambios que se producen nas follas e a variedade de cores que nos ofrecen. E tamén aproveitamos para recoller algúns dos froitos que as árbores nos traen por estas datas: os marmelos!!!
Pois si, o marmelo que temos na horta deunos o seu curioso froito (parécesenos a unha mazá, a unha pera, a un limón... moitos nunca o víramos nin o probáramos) Tocámolo, ulímolo, probámolo crú e finalmente cociñámolo e fixemos un delicioso doce de marmelo que compartimos cos nenos e nenas de toda infantil e cos de 1º de EP (que moi amablemente atenderon o lume unha mañá que tiñamos saída).
Tamén aprendimos e cantamos "O valpaso" xa que nunha das partes fala de varios froitos do outono:

"E peras, e peras, e peras e mazás
ameixas e uvas, marmelos e romás.

Oh miña nai deixe deixe, ioua
o miña nai deixeme ire, ioua,
quero bailar o Valpaso, ioua
e o valpaso torna a vire ioua.

E peras......"

Tamén queremos compartir con vós este traballo tan chulo coas follas das árbores que fomos recollendo das que o vento ía tirando das polas das árbores.
recollendo follas

Fixemos con elas traballo de clasificación por tamaños, cores e forma....
follas clasificadas e agrupadas

....e despois creamos con elas e algúns froitos, pequenos personaxes inspirándonos no libro"The leaf man" que Ana nos leu en inglés e do que sacamos moito proveito das súas fermosas imaxes.
follas 2
follas 3
nós con follas












21 de noviembre de 2010

Aprender para educar

E como tamén os papás e mamás podedes aprender moitas cousas coma nós, informámosvos das conferencias para familias organizadas pola Asociación sociopedagóxica Galega e a Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.
Este tipo de actividades poden aportarvos ás familias ferramentas e sobre todo momentos de reflexión sobre a maneira de educar e convivir cos vosos fillos e fillas nos diferentes momentos do seu desenvolvemento.
Ao longo do curso irémosvos informando da oferta cultural, educativa e de ocio na nosa comunidade.

Galén non coñece de anteman o contido das diferente ofertas e por elo non garante que as mesmas vaian en liña co noso Proxecto Educativo.

http://www.scribd.com/doc/43678448
enlace a google
http://www.scribd.com/doc/43678826
enlace a google

18 de noviembre de 2010

O MAGOSTO

Un ano máis coa chegada do outono, en Galén celebramos a festa do Magosto. Nela ademais das castañas, que é o froito típico destas datas, as nenas e nenos de Educación Infantil, xunto cos demais rapaces do cole, fomos os protagonistas da festa. Nela cantamos unha canción que estivemos ensaiando e que se chama "A pulga e a palla". Seguro que nos escoitástedes cantaruxala durante todo este tempo. Pois onte foi a gran festa na que cantamos a todo o cole. Saíunos xenial. Logo, como non podía ser de outro xeito, comemos castañas. Sacáronnos moitas fotos, estivo a tele ... e ata nos fixeron entrevistas!!!

Deixámosvos aquí unha pequena mostra das fotos, caracterizados como os animais da cantiga: pulga, araña, raposo, grilo e sapo, e podedes ver moitas máis na galería de fotos da páxina do cole.

17 de noviembre de 2010

Reunión familias 1º EI

Onte martes 16 as familias dos nenos e nenas da clase das landras tiveron unha reunión co equipo pedagóxico da etapa na que puideron ver un video sobre o período de adaptación dos nenos e nenas desta aula.
As familias que esteades interesadas en ter unnha copia do mesmo poñédevos en contacto coa titora.

16 de noviembre de 2010

Benvida


Dámosvos a benvida ao blog de Educación Infantil de Galén que nace tentando converterse nun espazo de comunicación para toda a comunidade escolar.
Abrímolo coa primeira festa do curso: O Magosto. Do mesmo xeito que esta festa nos liga á natureza e ás tradicións, neste espazo queremos compartir o noso propio ser e a forma na que medramos, aprendemos e gozamos do noso contorno.
Tentamos que sexa interactivo e así como nós vos comunicamos as nosas experiencias e emocións agardamos que vós nos acheguedes as vosas opinións, os vosos intereses e todo aquelo que queirades compartir.
O blog inicia a súa andaina e como se dunha criatura se tratara entre todos e todas axudarémolo a medrar




27 de septiembre de 2010

Presentación das aulas

Aínda non nos presentamos....É que temos tantas ganas de contarvos cousiñas que se nos esqueceu o primeiro de todo.

Pois este ano somos: 1º EI "A clase das landras", 2º EI "A clase das estrelas" e 3º EI "A clase das medusas".
A elección do nome da clase facémola aos poucos días de iniciado o curso, de maneira democrática e na asemblea. Unha vez decidido o nome, este é o primeiro proxecto da aula ao redor do cal imos traballando.

As nenas e nenos de 1º EI decidimos chamarnos "A clase das landras" porque o noso patio está cheo de carballos que coa nosa chegada ao cole comezaron a tirar as súas landras que a nós tanto nos gusta recoller. De feito seguro que nas nosas casas saben xa desta afección porque os nosos petos van sempre cheos de landras, entre outras cousas.
Así que as landras as utilizamos para contar, para clasificar, agrupar, decorar, e para iniciar o noso proxecto sobre o outono, as súas cores e os seus froitos.
Tamén nos serviron para inspirar o noso rexistro de asistencia que todas as mañás facemos para saber quen está e quen non está cada día na aula. Vedes na foto que os que están na aula aparecemos na póla do carballo e os que non están metémolos no cestiño agardando que volvan pronto.

rexistro landras

Aos nenos e nenas de 2º de Infantil encántannos as estrelas porque nos fan soñar e sabemos que hai algunhas ás que lles podes pedir os teus maiores desexos para que se cumplan, por isto, decidimos que a nosa clase levaría este nome.

Dende que comezou o curso fixemos un mural con estrelas, e nós mesmos, como tamén somos unhas estrelas quixemos amosárvolo a todos e todas cos nosos traballos en plastilina e coa nosa foto. Tamén decoramos a clase con un montón de estrelas que, ademais, tamén nos serven para contar, para colorear e para facer as nosas rutinas de todos os días.
A continuación vos ensinamos o noso traballo máis recente e do cal nos sentimos moi orgullosos.
Agardamos que vos guste tanto coma nós e que este curso academos as estrelas.???

estrelas

Nós somos " A clase das Medusas". Este nome deunos moito xogo para investigar cuestións relacionadas co medio mariño e os seus habitantes.
Ana de English dixo que Medusas en inglés é Jellyfish, é dicir, peixe de xelatina. E para comprobar a súa textura, a súa apariencia, o seu comportamento e mesmo o seu gusto fixemos unha xelatina na clase. Gozamos moito facéndoa, coméndoa e compartíndoa cos nenos e nenas da clase das Landras e das Estrelas.
Tamén quedamos fascinados coas medidas inmensas que poden acadar os habitantes dos océanos. Unha balea azul pode chegar a medir 30 metros, o mesmo que 27 nenos e nenas de pe postos un encima de outro!!! E sabemos que hai seres sumamente pequenos que se chaman placton.

Estamos a descubrir o marabilloso mundo da lectura e da escritura e tamén as Matemáticas con maiúscula.
Somos un grupo moi creativo, encántanos traballar e sempre estamos dispostos a aprender cousas novas.
As nosas profes e o noso profe din que somos moi bos. Será verdade?

27 nenos e nenas miden igual que unha balea azul

As medusas teñen unha textura semellante á xelatina